Pola inmediata restauración da nosa Sanidade

Esta petición ha conseguido 799 firmas

El problema

A maioría dos cidadáns, somos conscientes e sufrimos as numerosas carencias que afectan á nosa sanidade como consecuencia das políticas de privatización e recortes aplicados nos últimos anos, e fronte aos que non podemos permanecer impasibles.

 

Á marxe de calquera outro tipo de manifestación ou mobilización, considero oportuno recorrer a esta plataforma para esixir as inmediatas melloras que deberían levarse a cabo para que a nosa sanidade recupere aqueles niveis de calidade aos que non debemos renunciar. E iso pasa por mellorar as condicións laborais do persoal sanitario, recuperando as prazas que se suprimiron, e que resultan imprescindibles para que nos centros de saúde poida prestarse a adecuada atención, sen recorrer para iso á explotación e precarización que se estableceron como norma de todo punto inaceptable.

 

Así, é xa habitual a contratación por xornada, o que implica que os traballadores descoñezan os días que traballarán, impedindo que poidan planificar calquera actividade á marxe da súa dispoñibilidade laboral, e coartando a súa liberdade, por entender que a súa continuidade está directamente relacionada co grao de sometemento e “boa conduta”. E é así mesmo habitual, que os traballadores se vexan obrigados a dobrar unhas quendas nos que a actividade é frenética e constante.

 

A prestación de atención nos servizos de Urxencias, é de xeito evidente insuficiente como consecuencia dos recorte aplicados, e así a falta de persoal e medios, converte en habitual, por exemplo, que os pacientes pasen horas ou xornadas en padiolas “abandonadas” nos corredores dos hospitais, nunhas condicións que distan moito do que sería minimamente recomendable.

 

En tales circunstancias, resulta difícil comprender que todos os profesionais sanitarios, sigan dando o mellor deles mesmos en favor de quen acode aos centros hospitalarios, sen considerar tampouco o risco ao que en grande medida permanecen expostos  para cumprir co seu labor. E resulta así mesmo difícil atopar as palabras para expresar o agradecemento por tan inmensa xenerosidade. Non, e non chega cuns aplausos no balcón ás oito da tarde en tempos de confinamento. 

 

Creo que o único xeito de mostrar o noso agradecemento a todos aqueles que tanto fan día a día por todos e cada un de nós, é brindándolles todo o noso apoio, pero dun xeito efectivo: Apoiando todas as súas protestas. Secundado cantas manifestacións realicen en favor dunha sanidade digna. Facéndolles comprender que verdadeiramente contan connosco, e brindándolles o apoio necesario para que non decaian nas súas xustas reivindicacións.

 

Foi moi grande a loita que mantivemos durante moitos anos para dispoñer dunha Sanidade Universal e Digna, e con certa indiferenza, comprobamos como os responsables de mantela e mellorar cada día as súas condicións, dan as costas á súa responsabilidade, e permiten que se  desmorone un dos piares fundamentais dunha sociedade libre, e isto é algo que de ningún xeito deberiamos permitir. Por todos nós, e por aqueles que cada día poñen en risco as súas vidas ao servizo da nosa saúde.

 

Creo por tanto que sobran razóns para asinar esta petición na que esiximos a restauración da nosa sanidade, ata recuperar as condicións mínimas das que fomos privados coas políticas de privatizacións e recortes inxustamente aplicados, e que garantan unha asistencia sanitaria á que de ningún xeito debemos de  renuciar, esixindo como primeiros e innegociables puntos: 

 

• Contratación do persoal necesario que permita unha atención de calidade, sen recorrer á explotación dos profesionais sanitarios.

 

• Contratos laborais xustos para todos os profesionais sanitarios, e nos que a precarización non sexa a norma.

 

• Adecuación das instalacións sanitarias: Hospitais e centros de saúde que permitan prestar atención sanitaria nas condicións óptimas que todos os cidadáns merecen.

Los destinatarios de la petición

Julio García Comesaña
Julio García Comesaña
Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde

Actualizaciones de la petición