Pola distribución do filme "Elisa e Marcela" en galego na plataforma Netflix

0 personas han firmado. ¡Ayuda a conseguir 5.000!


Netflix, a famosa plataforma online de filmes e series, está a realizar unha película sobre as dúas primeiras mulleres contraendo matrimonio no estado Español, Marcela e Elisa, e sobre as súas vidas.


Mentres celebramos que se lle de luz a este importante episodio da historia do colectivo LGBT galego, reivindicamos que dende un primeiro momento este filme debeu de ser rodado en lingua galega, mostrando a realidade da Coruña do ano 1901, mantendo o rigor histórico, e transmitindo de xeito moito máis fiel o sentimento e sensibilidade do pobo galego. Mais isto non foi así. O filme xa está a ser gravado en castelán, incluso chegando ao extremo de pedir que as actrices e os actores galegas que participan na rodaxe do mesmo tiveran un acento neutro castelán, borrando totalmente a existencia dunha realidade lingüística diferente na Galiza.


Estas mulleres foron galegas, a súa historia desenvolveuse en lingua galega, lingua que seguiron falando cando emigraron a Portugal escapando da LGBTfobia que as perseguía dentro do estado Español. Por isto, pedimos que o filme sexa dobrado na súa lingua, a nosa lingua. Pedimos que Netflix teña en conta que Galiza existe,  que quere filmes en galego na súa plataforma.

Xa que a Xunta de Galicia subvencionou a produción desta longamentraxe, a productora está obrigada a realizar unha dobraxe da mesma ao galego mais non lle é requerida a distribución en galego na plataforma.

Co motivo de reivindicar o día 8 de xuño, día da visibilidade lésbica galega e 117 aniversario da voda desta parella de mulleres, dende Avante LGBT lanzamos  a nosa petición de que Netflix poña á disposición das usuarias da plataforma o filme dobrado ao galego. Hoxe, 28 de xuño e día internacional do orgullo LGBT relanzamos a campaña con esta recollida de sinaturas. Esta petición está a ser apoiada por importantes referentes do audiovisual galego. Entre elas contamos coa compañía teatral “A Panadaría” que está de xira por Galiza interpretando unha obra en galego titulada "Elisa e Marcela", e con Lázaro Louzao, director de “Nove de Novembro”, a primeira longametraxe de temática explicitamente LGBT e enteiramente galega.

A mocidade LGBT galega precisa de referentes LGBT que lle sexan próximas, que formen parte da súa historia, que falen a súa lingua, e por iso non queremos que nos rouben a oportunidade de ver a Marcela e a Elisa desafiar á heteronorma para casar, 100 anos antes de que fose legalizado, en lingua galega.


¿Quieres compartir esta petición?