Esiximos que a CRTVG investigue a filtración do "off the record" de Irene Montero

Esiximos que a CRTVG investigue a filtración do "off the record" de Irene Montero

Creada
3 de junio de 2020
Dirigida a
Dirección da CRTVG
Firmas: 1017Próximo objetivo: 1500
Apoyar ahora

Por qué es importante esta petición

O Comité Intercentros da CRTVG (Corporación de Radio e Televisión de Galicia), órgano de representación de todos os traballadores e traballadoras dos medios públicos de comunicación de Galicia, esíxelle á dirección da Corporación a apertura dunha investigación independente e rigorosa para clarexar a posible filtración desde os arquivos da televisión pública a un medio privado da previa dunha entrevista á Ministra de Igualdade, Irene Montero, na que facía uns comentarios confidenciais sobre as manifestacións do 8M.

A representación sindical condena a falta de honestidade da dirección do medio público ao rexeitar nun comunicado de prensa o uso dun material confidencial que, porén, xa difundira e emitira previamente sen pudor nos seus informativos. Considera tamén que os feitos deterioran gravemente a credibilidade dos medios públicos de Galicia no caso de que non se aclare se ese material, procedente procedente de Euskal Telebista a través do intercambio de información da FORTA, se extraeu dos arquivos da CRTVG para cederllo ao diario ABC, quen se fixo eco do contido dos comentarios da ministra “off de record” en contra da praxe xornalística establecida.

A representación do persoal lamenta que nos arquivos da TVG figure unha descripción do contido deses minutos previos á entrevista con Irene Montero, unha práctica deontolóxicamente rexeitable que nunca debeu producirse e que merece formar parte da investigación para depurar as responsabilidades que puidese haber e impedir a reiteración destas accións no futuro. Solicita o comité que nesta investigación se listen os accesos que houbo a ese material, cando, por parte de quen e con que propósito.

O Comité Intercentros lamenta que a inacción da dirección para investigar os feitos permita que se cuestione a integridade dos xornalistas e profesionais da CRTVG, xa que non se está a aclarar a posible extracción dese material nin a identificar ás persoas que puideron participar nesa filtración usando material de titularidade pública para defender intereses particulares e partidistas, e concretamente no que parece unha estratexia de desgaste político construída a través deste caso polo Partido Popular ás portas dunhas eleccións autonómicas co obxecto de responsabilizar da extensión da pandemia a quen autorizou os actos do 8M, nunhas datas nas que aínda se celebraban todo tipo de eventos masivos de carácter político, deportivo, cultural e social.

O Comité esixe dunha vez que se cumpra co imperativo legal de democratizar e despolitizar os medios públicos executando as medidas correctoras de independencia e pluralidade que establece a Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Esixe igualmente, unha vez máis, que o Consello de Administración aplique de xeito inmediato o artigo 36 desa lei, que establece a obriga de elaborar un  Estatuto Profesional para a Corporación RTVG e crear un Consello de Informativos que velen pola pluralidade e a independencia dos medios públicos, evitando situacións como a actual que deterioran gravemente a súa credibilidade e incrementan unha fenda coa sociedade galega a través de praxes contrarias á honestidade e o rigor xornalístico promovidas por unha dirección cun proxecto caduco desde hai xa anos.

Coa túa sinatura, úneste a estas peticións, porque defendes unha radio e unha televisión galegas públicas, plurais, independentes e ao servizo da cidadanía.

Apoyar ahora
Firmas: 1017Próximo objetivo: 1500
Apoyar ahora