"Día das Letras Galegas 2028" para Agustín Fernández Paz

172

¡Alcancemos 200 firmas!
¡Las peticiones con más de 1000 firmas tienen 5 veces más posibilidades de ganar!

El problema

MANIFESTO A PROL DA CANDIDATURA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ PARA O "DÍA DAS LETRAS GALEGAS DE 2028"

Transcorrida xa máis dunha década do pasamento de Agustín Fernández Paz, as persoas e entidades asinantes estimamos oportuno vindicar que o Día das Letras Galegas 2028 teña como protagonista este vilalbés universal que tanto fixo pola lingua e a cultura galegas desde diversos ámbitos e en todas e cada unha das etapas da súa vida.

Mestre vocacional, entregou a vida á docencia, desde que, canda outros membros da súa xeración, se implicou na renovación pedagóxica, movido polo afán de levar o galego ás escolas e cambiar o mundo desde as aulas, ademais de elaborar materiais que constitúen un fito na historia da didáctica.

Activista da lingua, realizou un traballo inxente a prol da normalización, poñendo de relevo os prexuízos que impedían, e aínda impiden, vivir sen atrancos en galego. Destacado sociolingüista, percorreu o país espallando as súas ideas e formando mestres e mestras, alén de levar a cabo campañas e iniciativas diversas arredor da promoción da lectura e denunciar a invisibilidade social do libro galego en brillantes intervencións públicas. En 2010, como mostra da súa ética, rexeitou o Premio da Cultura Galega para protestar contra a política lingüística da Xunta de Galicia, oposta ao seu pensamento e aos múltiples esforzos realizados ao longo de toda unha vida.

Desenvolveu un salientable labor como ensaísta para dignificar a literatura infantil e xuvenil, ademais de divulgar de xeito notable a banda deseñada. Como escritor, cunha voz literaria de extrema lucidez, elaborou unha obra ampla e innovadora, capaz de seducir persoas de calquera idade. Nela teñen cabida o realismo, a fantasía, o humor, o terror, a memoria histórica, a conciencia ecolóxica e social ou o compromiso ético, sempre guiado polo convencemento do valor dos libros e a lectura para formar unha cidadanía libre e construír un mundo máis xusto. Acadou o favor da crítica e dos lectores e lectoras, en Galicia, no resto do Estado e a nivel internacional, obtendo os principais galardóns e converténdose en autor de referencia para as xeracións posteriores. A calidade do seu labor traspasou fronteiras grazas ás traducións a linguas como o coreano, o inglés, o francés, o italiano, o árabe, o bretón ou o xeorxiano, entre outras moitas, demostrando a veracidade da máxima de ser universal dende as propias raíces.

Por estas e outras razóns, Agustín Fernández Paz merece ser a figura homenaxeada pola Real Academia Galega co Día das Letras Galegas 2028.

Vilalba, 23 de outubro de 2026

Opiniones de firmantes

Actualizaciones de la petición