EVITEMOS QUE O CASTELO DE TORÉS, EN AS NOGAIS (LUGO), SE VEÑA ABAIXO

0 personas han firmado. ¡Ayuda a conseguir 2.500!


O castelo de Torés é unha das fortalezas medievais máis emblemáticas da comarca dos Ancares lucenses e da provincia de Lugo. Data do século XV, se ben hai autores que sitúan a súa orixe a mediados do século VIII. Segundo a tradición foi mandado construír pola lendaria raíña Lupa, como tótem, logo de se converter ao cristianismo, aos touros (de aí o topónimo do pobo) que tiraban do carro onde os discípulos transportaban o corpo do Apóstolo Santiago. A fortaleza vai unida á historia dos Ribadeneira e dos Bolaño. Conta Felipe de la Gándara na súa obra Armas y Triunfos de Galicia que cando o sitio da cidade de Lugo polas tropas de Almanzor, alá polo ano 997, Diego de Ribadeneira, señor de Torés, arroxou dende unha das ameas aos sitiadores unha bola de pan e un año para demostrarlles que tiñan comida abondo para aguantar o tempo que fixera falta, argucia que enganou aos árabes que optaron por marchar; de aí viría, supostamente, a orixe do apelido Bolaño (bola máis año).

No ano 2013 a familia de Medinaceli, propietaria do castelo, cedeullo ao Concello das Nogais por 25 anos, comprometéndose este a consolidar, restaurar e facelo visitable ao turismo. A mediados do mes de febreiro de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata o castelo, comprobando que o seu estado de conservación, lonxe da prometida posta en valor, empeorou de forma alarmante. Algunhas pedras da zona ameada desprendéronse recentemente. Todas as caras exteriores da torre presentan máis que preocupantes gretas, algunhas, como as das caras sur e oeste agrandáronse. As pedras dunha ventá da cara sur tamén están a desprenderse. O interior presenta varias gretas. Ademais do anterior, as podres raíces da maleza que cubría a estrutura están a actuar sobre as pedras, aumentando a súa inestabilidade. A maleza inza as arruinadas murallas. Debido ao seu máis que preocupante estado, ese mesmo mes presentamos uns escritos dirixidios ao alcalde e aos dous grupos con representación no Concello das Nogais para que, sen demora, se tomaran as medidas necesarias para consolidar, baixo control arqueolóxico, as danadas estruturas. Tamén lle propuxemos que, posteriormente, se acometeran as obras de restauración precisas para valorizar a fortaleza. Lamentablemente non recibimos resposta, nin do goberno municipal nin, nin do partido que o apoia, nin do partido da oposición.

O Concello, como propietario, aínda que sexa temporal, ten a obriga de cumprir o disposto pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia publicada no mes de maio de 2016, entre outros, o seu artigo 3: “As entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen as obrigas de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural, adoptando, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados”, debendo comunicarlle á Xunta de Galicia “calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran”. Ao longo dos anos, a Casa de Medinaceli, incumprindo tamén a lei en vigor no seu momento (a do ano 1995), tampouco fixo nada. Só se preocuparon polo monumento cando decidiron celebrar no lugar a primeira comunión dunha parente da familia. Iso si, foi o Concello, por medio dunha subvención da Xunta de Galicia, quen se encargou de limpar a maleza que cubría a torre, feito que a familia lle agradeceu ao alcalde cunha praca “por el impulso dado a la restauración de esta fortaleza”. A praca é o único que se conserva en perfecto estado.

Firma esta petición para esixirlle ao Concello das Nogais que, como propietario do castelo de Torés, acometa as obras de consolidación, limpeza do entorno e sinalización deste Ben de Interese Cultural.



Hoy: Colectivo Patrimonio dos Ancares cuenta con tu ayuda

Colectivo Patrimonio dos Ancares necesita tu ayuda con esta petición «Concello de As Nogais (Lugo): EVITEMOS QUE O CASTELO DE TORÉS, EN AS NOGAIS (LUGO), SE VEÑA ABAIXO». Únete a Colectivo Patrimonio dos Ancares y 2.074 personas que ya han firmado.