Retirada da Ordenanza Mordaza de Lugo

0 personas han firmado. ¡Ayuda a conseguir 1.000!


A PLATAFORMA “LUGO SEN MORDAZAS”, formada na actualidade por máis de trinta asociacións culturais, colectivos sociais, organizacións sen ánimo de lucro, políticas e sindicais do municipio de Lugo; foi creada co obxectivo de esixir ao goberno local do PSOE en concreto e á corporación municipal en xeral que retire o proxecto da ordenanza que chaman “cívica” pero que recorta as liberdades e é contraria aos dereitos civís. 

As razóns polas que pedimos que o goberno local retire o proxecto de Ordenanza de Civismo e Seguridade son as seguintes:

1.   Porque queremos expresarnos libremente na rúa, tanto política, cultural como artisticamente.

2.   Porque queremos rúas activas e alegres onde poidamos xogar e crear.

3.   Porque temos dereito a buscar ingresos económicos de xeitos alternativos aos que ofrece o “mercado laboral”.

4.   Porque somos persoas, e como tales, precisamos cantar, xogar, relacionarnos e durmir, tamén nos espazos públicos. Por iso non aceptamos as sancións absurdas e surrealistas que se propoñen:

a.   Ata 750 € por timbrar nos portais sen motivo, proferir berros e palabras “soeces” na rúa, arrastrar mobles na casa, subir ás árbores ou partir leña no exterior, por tender roupa en patios interiores ou facer “barbacoas” sen tramitar un permiso municipal.

b.   Ata 1.500 euros por facer chamadas “jocosas” ao teléfono da Policía Local.

c.   Ata 750 euros por durmir, acampar ou colocar cadeiras no espazo público; por lavarse nas fontes ou que beban mascotas nelas. Ata 1.500 € por acrobacias con bicicletas e monopatíns, por practicar xogos e competicións deportivas masivas ou espontáneas.

d.   Os axentes locais poderán suspender os xogos con balón se consideran que causan molestias e requisar os elementos empregados.

5.   Porque cremos que os conflitos deben ser solucionados mediante actitudes de escoita e diálogo.

6.   Porque as multas non nos axudan a solucionar problemas de convivencia e impiden a posibilidade de entendemento entre as partes

7.   Porque ninguén está lexitimada (e moito menos a policía local) para impoñernos sancións sen posibilidade de defensa legal.

8.   Porque a represión agrava as desigualdades socioeconómicas que nós queremos atallar.

9.   Porque se trata dunha norma arbitraria que outorga poder absoluto á Policía Local, deixando ao único criterio persoal de cada axente a decisión de que feitos son considerados dignos de sanción e a gravidade dos mesmos.

10.               Porque non respecta nin os dereitos constitucionais nin o resto de ordenamento xurídico superior, contravindo directamente moita da lexislación vixente, como por exemplo a Lei de responsabilidade penal dos menores.

11.               Porque é unha lei regresiva que lembra aos tempos da ditadura franquista e que parece unha adaptación da Lei de Vagos e Maleantes, que busca evitar calquera tipo de disidencia ou protesta da cidadanía contra as políticas do goberno.

12.               Porque é discriminatoria, clasista, racista e machista; e supón unha criminalización directa da pobreza e opta pola crueldade e o asañamento contra as persoas con menos recursos. O Concello de Lugo debería apostar polas políticas sociais para solucionar problemas que teñen unha clara raíz socioeconómica en lugar de impoñer un réxime represivo que chega a extremos gravísimos como:

a.   Multas de ata 3.000 € por pedir esmola na vía pública, vender panos ou outros pequenos obxectos a cambio da vontade, limpar parabrisas ou facer malabares nos semáforos.

b.   Persecución con multas ás prostitutas, permitindo a irrupción dos axentes locais nas vivendas particulares.

c.   Alenta as denuncias veciñais e a cultura do “chivatazo”, responsabilizando aos organizadores dos eventos socioculturais de vixiar que ningún dos asistentes teña un comportamento contrario ao establecido nesta normativa.

d.   Establece que se avisará á Xunta de Galicia para que retire as prestacións a quen realice prácticas consideradas “mendicidade encuberta” ou que se poderá sancionar aos vendedores ambulantes mesmo cando non están vendendo e xa teñen recollida a súa mercancía, requisar os cartos obtidos con estas prácticas (algo imposible de demostrar) e mesmo multar a quen colabore con eles mercando ou avisando de que hai autoridades preto.

13.               Porque é unha ordenanza froito do alarmismo social e o sensacionalismo mediático, que pinta Lugo como unha cidade insegura e sórdida, cando simplemente é unha cidade que está a recuperar a efervescencia cultural e o tecido asociativo.

14.               Porque aplica a censura, xa que as asociacións culturais, colectivos sociais, sindicatos, organizacións políticas… non poderán pegar carteis, recoller sinaturas na rúa, repartir folletos ou colgar pancartas sen autorización municipal expresa. Ademais das multas de ata 3.000 euros, a Policía Local poderá requisar de xeito cautelar todo o material.

15.               Porque fai máis vulnerables aínda ás persoas máis susceptibles de selo aos abusos policiais, algo moi preocupante nunha cidade que conta con membros do corpo de seguridade local imputados en investigacións xudiciais por corrupción e abuso de poder, como a Operación Carioca.

Por todas as razón expostas, acabamos de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas e de divulgación do contido da ordenanza entre a cidadanía, para que toda a xente de Lugo coñeza as intencións reaccionarias que agocha esta normativa, e estamos organizando accións de protesta e mobilizacións na rúa que non cesarán ata que o goberno local anuncie a retirada do proxecto e desista de presentala para aprobala no Pleno.

Se malia a resposta social, o goberno do PSOE e o resto de partidos que apoian a Ordenanza de Civismo, nomeadamente o Partido Popular e Ciudadanos, insisten en aprobala, anunciamos que iniciaremos as accións legais pertinentes para recorrer o texto e pedir a súa nulidade de pleno dereito. Non seriamos o primeiro municipio no que se consegue, pois en 2016 xa foi anulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Baleares a Ordenanza Cívica do Concello de Palma tras ser denunciada polas asociacións veciñais e colectivos sociais. Temos a completa seguridade xurídica de que esta norma será botada abaixo se chega aos tribunais, tanto pola falta de competencias do Concello para lexislar moitos dos aspectos incluídos, como por resultar moitos deles contrarios á lexislación vixente e por non respectar os dereitos e liberdades civís máis básicos, como así xa o acreditan informes de xuristas doutros municipios.

POR UNHA CIDADE VIVA E INCLUSIVA. NON Á ORDENANZA MORDAZA.

 A día de hoxe as organizacións que a conforman son as que pasaremos a detallar, pero esta é unha Plataforma aberta á que calquera, tanto a título colectivo como individual, se pode sumar:

·  TELE-CLUBE

·  CON LUPA

·  Colectivo Translurpies

·  Ateneo Engranaxe

·  Madia Leva

·  A CAIXA DE PANDORA

·  Mercado da Terra

·  ALIAD

·  Asociación Cultural Contracorrente

·  Causa Galiza

·  Plataforma Feminista de Lugo

·  Rede de Apoio Mutuo

·  Masa Crítica

·  Bico de Grao

·  SOS RACISMO

·  FORO GALEGO DA INMMIGRACIÓN

·  Sindicato Labrego Galego

·  Tres Monos Artes Escénicas

·  Semente Lugo

·  Asociación Compartindo Espazo

·  Alternativa Cidadá de Esquerdas

·  Bloque Nacionalista Galego - Asembleas Abertas

·  CIG

·  Esquerda Unida

·  Partido Comunista de Galicia

·  EQUO

·  Anova

·  PODEMOS

·  Briga

·  Xeira

·  Galiza Nova

·  Vagalume Enxebre

 



Hoy: Lugo Sen Mordazas cuenta con tu ayuda

Lugo Sen Mordazas Plataforma necesita tu ayuda con esta petición «Alcaldesa de Lugo Lara Méndez: Retirada da Ordenanza Mordaza de Lugo». Únete a Lugo Sen Mordazas y 732 personas que ya han firmado.