Solicitar á Xunta que contemple medidas de protección animal fronte a crise da Covid-19

Esta petición ha conseguido 390 firmas

El problema

Solicitude da Asociación Protectora de Animais Moura á Xunta de Galicia tralas novas restricións anunciadas no DOG o día 27 de xaneiro de 2021.

Dadas as últimas medidas sanitarias implantadas e recollidas nos diferentes decretos solicitamos:

  Que a Xunta de Galicia contemple medidas específicas relativas ao benestar animal para garantir que os animais non queden en ningún caso en situación de desamparo fronte a crise sanitaria da COVID-19.

Estas propostas están pensadas para as persoas posuidoras de mascotas, entidades protectoras de animais, centros de recollida ou similares.

Dada esta situación, vémonos obrigadas/os a interromper tarefas diarias como as adopcións, traslados, coidados, etc. Isto vén debido ás restricións do peche perimetral dos concellos e franxas de horarios, imposibilitando que as persoas adoptantes ou voluntarias poidan desprazarse para a recollida  dos animais e formalizar as adopcións ou o desempeño de tarefas de traballo diarias do voluntariado, así como as necesidades fisiolóxicas e etóloxicas das mascotas fóra da franxa horaria, podendo producirse un incremento do abandono, risco de masificación nos centros ou casas de acollida, tendo como consecuencia sufrimento animal, co cal propoñemos as seguintes medidas para que se contemplen como exencións e así os animais non  queden desprotexidos:

Permitir sacar a pasear aos cans fóra das franxas horarias, para que os animais poidan satisfacer as súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas, ben sexa por  motivos laborais, sanitarios ou a propia necesidade de saír do animal. En todo caso serán paseos curtos, cunha soa persoa como acompañante e preto da zona de residencia. A persoa acompañante portará consigo un documento de Autorresponsabilidade que xustifique o motivo do incumprimento da franxa horaria, xustificante laboral  ou informe veterinario.
Este aspecto é moi importante porque o feito de non poder satisfacer as súas necesidades fisiolóxicas podería ser desencadeante de serios problemas de saúde como ansiedade, estrés, incontinencia urinaria, infeccións de ouriña, cistites ou problemas de conducta serios que poderían derivar no abandono. Asemade debemos ter en conta outros factores coma o padecemento de problemas de saúde por parte dalgúns animais, como por exemplo animais diabéticos, en tratamentos con corticoterapia ou diuréticos, cuxas necesidades inclúen unha maior frecuencia de micción.

Permitir a mobilidade ao voluntariado fóra das franxas horarias de ser necesario para atender animais pertencentes a protectoras sen ánimo de lucro que se atopan en casas de acollida, núcleos zoolóxicos, centros, instalacións ou similar.
Permitir a mobilidade ao voluntariado e persoas posuidoras de mascotas para asistencia veterinaria, traslados de acollida ou adopción e rescate de animais en casos nos que poida perigar a súa vida.
Permitir ao propietario dunha mascota a súa procura en caso de extravío, servindo de xustificante a propia denuncia e a cartilla do animal en cuestión.
Permitir a mobilidade ao voluntariado para atender colonias felinas baixo xustificación dunha entidade protectora ou institución pública.
Permitir a mobilidade ao voluntariado das asociacións sen ánimo de lucro, baixo xustificación dunha entidade protectora ou institución pública, para desempeño de outras tarefas urxentes que poidan xurdir e derivar de que a vida dun animal se atope en risco.
Garantir a actuación das administracións públicas ante solicitudes de axuda para animais que fosen desatendidos ao non poder facerse cargo dos coidados do animal a persoa propietaria por mor do seu falecemento, hospitalización, corentena ou confinamento a causa da COVID-19.
 

As protectoras poderán expedir xustificantes con motivo das accións anteriores a membros do voluntariado e adoptantes para o desprazamento de recollida do animal que fose a adoptar. Con este fin a administración competente facilitará un  modelo xustificante ou alternativamente o proporcionado pola propia entidade animalista será igualmente válido, sempre que neste figure o CIF da asociación, datos persoais do posuidor/a do xustificante (nome, DNI, lugar de residencia...), dirección do centro ou domicilio ao que se dirixe, motivo do desprazamento, data, hora e firma do/a correspondente responsable da asociación ou da directiva.

En todos estes supostos citados anteriormente respectaranse sempre a distancia de seguridade e protocolos de prevención.

Aínda que entendemos que a situación sanitaria que estamos a vivir é moi complicada e debemos todos e todas sumar esforzos para saír desta pandemia e poder recobrar a normalidade, cremos que non contemplar excepcións para procurar o coidado e benestar dos animais pode ter consecuencias terribles.

As protectoras de animais estamos correndo o risco de chegar ó límite de capacidade e incluso masificación dos centros ecasas de acollida. Isto implica entre outras consecuencias condicións precarias de vida, risco de enfermidades ou problemas de conduta, polo que é imprescindible contemplar estas exencións e darlle continuidade á nosa labor de  buscarlles un fogar e darlle saída ós animais que precisan unha segunda oportunidade.

protectoramoura@gmail.com

Actualizaciones de la petición