Garantías e regulación xa para o persoal Auxiliar Coidador da Xunta: Non máis abusos!

435

¡Alcancemos 500 firmas!
¡Las peticiones con más de 1000 firmas tienen 5 veces más posibilidades de ganar!

El problema

A quen nos diriximos:

Consellería de Educación, Ciencia e Universidades (Xunta de Galicia)
Dirección Xeral de Función Pública (Xunta de Galicia)
 

O problema: Que está a pasar?

Somos o persoal da escala auxiliar de coidadores/as da Xunta de Galicia (subgrupo C2). O noso traballo é fundamental para o sistema educativo público: acompañamos, coidamos e garantimos a autonomía, seguridade e benestar do alumnado con Necesidades Educativas Especiais (NEE) en toda Galicia.

Porén, a nosa realidade laboral diaria está marcada por unha precarización e desprotección alarmante derivada da falla de regulamento dos postos clasificados como "itinerantes":

  1. Desviación do concepto orixinal da itinerancia: A itinerancia concibiuse na súa orixe como un mecanismo para reasignar ao persoal cando deixase de haber alumnado con NEE nun determinado centro base. Porén, a Consellería desvirtuou totalmente este concepto, transformándoo nunha dispoñibilidade inmediata para parchear necesidades en múltiples centros.
  2. Desatención do alumnado con NEE para cubrir comedores: Danse situacións nas que se nos obriga a abandonar antes da hora o centro base onde atendemos a alumnado con NEE para chegar a tempo ao comedor doutro centro (moitas veces xestionados por AMPAS ou concellos). Para a Consellería parece primar a cobertura loxística do comedor sobre o dereito do alumnado con NEE a recibir atención continuada e o apoio que precisan durante toda a súa xornada escolar.
  3. Desprazamentos no mesmo día ou en distintos días: Asígnansenos dous ou máis centros dentro da mesma xornada laboral ou en días alternos, existindo casos con distancias de máis de 60 km entre eles, sen computar o tempo de traslado como xornada de traballo e poñendo en risco os descansos e a nosa seguridade na estrada.
  4. Uso ilegal de paradas de autobús como "centro de traballo" e graves riscos en PRL: Cando se asignan tarefas de acompañamento no transporte escolar, oblígase á auxiliar coidadora a ser recollida e abandonada nunha parada de autobús na rúa, no canto de saír e retornar ao seu centro base. Unha parada pública non é un centro de traballo: carece de condicións preventivas (PRL), deixa á traballadora sen o seu coche en caso de urxencia persoal antes da hora e xera un grave desprotexemento xurídico en caso de accidente.
  5. Esixencia abusiva e allea á categoría do carné de conducir: Estase a impor o carné de conducir como un requisito obrigatorio cando estamos nunha categoría C2 para a que legalmente só se esixe o título da ESO. Chegouse ao extremo de valoralo como mérito no concurso de traslados deste ano e de enviar correos electrónicos coactivos ás últimas persoas que tomaron posesión como funcionarias de carreira, esixindo dispoñer de carné baixo a ameaza de non poder tomar posesión.
  6. Usar o coche particular a costa do noso salario: Preténdese que poñamos o noso vehículo privado, asumamos desgaste, avarías, seguros e combustible sen compensación xusta. Cun salario C2, os custos de desprazamento absorben unha parte desproporcionada do noso soldo.
  7. Ordes verbais e sen límite territorial: Recibimos instrucións por teléfono moitas veces a última hora, sen documentación por escrito, sen marxe de planificación e con asignacións a distancias enormes (incluso cruzando provincias).
  8. Falla de información sobre os menores: Cambiásenos de centro sen previa información sobre as necesidades funcionais do alumnado con NEE ao que imos atender, dificultando dar o apoio de calidade que merecen.

Que pedimos?

Exiximos á Xunta de Galicia a aprobación dunha Instrución ou Regulamento Uniforme para toda Galicia que garanta:

  1. Retorno á orixe da itinerancia: A mobilidade debe vincularse exclusivamente a cambios estruturais na escolarización do alumnado con NEE (como a ausencia de alumnado con NEE no centro base) e non á cobertura loxística diaria.
  2. Un único centro de traballo: Estabelecer como criterio xeral a permanencia nun só centro. Se excepcionalmente se require ir a máis dun centro, o tempo de viaxe debe computar dentro da xornada laboral e os medios de transporte deben correr a cargo da Administración.
  3. Prioridade á atención continuada do alumnado con NEE: Prohibir que o persoal teña que abandonar prematuramente o seu centro base e desatender aos menores asignados para acudir a servizos de comedor noutras instalación ou a atención de NEE doutros centros deixando de atender aos NEE asignados no centro base.
  4. Orixe e retorno obrigatorio no centro base (Garantía en PRL): No caso de realizar servizos de transporte escolar, o inicio e fin do traxecto debe ser sempre o centro base da traballadora. Prohibir taxativamente o uso de paradas de autobús na rúa como puntos de recollida ou saída, garantindo a seguridade en Prevención de Riscos Laborais e a dispoñibilidade do vehículo propio do traballador no centro base.
  5. Supresión da coacción co carné de conducir: Respectar estritamente os requisitos de titulación do subgrupo C2 (excluíndo a obrigatoriedade do carné de conducir) e poñer fin a prácticas intimidatorias nas tomas de posesión ou procesos de funcionarización.
  6. Medios de transporte a cargo da Xunta: Ter carné de conducir ou un posto itinerante NON obriga a poñer o patrimonio persoal ao servizo da Administración. Se a Xunta esixe desprazamentos, debe achegar os medios ou indemnizar de forma xusta e completa todos os custos reais (combustible, desgaste, mantemento e seguro).
  7. Comunicacións por escrito e con antelación: Eliminación das ordes verbais de última hora, notificando orixe, destino, horario e condicións con documentación oficial.
  8. Coordinación e prevención de riscos: Información previa sobre as necesidades do alumnado a atender e avaliación preventiva dos riscos na estrada derivados dos desprazamentos.

Por que necesitamos a túa signatura?

Coidar de quen máis o precisa non debería significar traballar na inseguridade xurídica nin custear o servizo público co noso propio peto. Unhas condicións dignas para o persoal coidador tradúcense directamente nunha mellor atención á diversidade nas nosas escolas.

Asina e comparte esta petición para exixir xustiza laboral e dignidade profesional!

 

Opiniones de firmantes

Actualizaciones de la petición