Esiximos que a nova Residencia de Ribadavia sexa 100% pública!

110

¡Alcancemos 200 firmas!
¡Las peticiones con más de 1000 firmas tienen 5 veces más posibilidades de ganar!

El problema

Desde o GMS de Ribadavia queremos deixar algo moi claro: non estamos en contra da construción dunha nova residencia de maiores en Ribadavia.
Todo o contrario: é moi necesaria e levamos anos loitando para facela realidade; dende o Padroado, do que formamos parte, impulsamos a posta á disposición dos terreos, a procura de financiamento e o proxecto, defendendo sempre que permanecese no ámbito público e non acabara en mans privadas.

O que defendemos é que esa residencia sexa      100 % pública: tanto na súa titularidade como na súa construción e xestión, evitando que acabe en mans de empresas ou concesionarias privadas.

Porque non chega con construír un edificio. O realmente importante é que servizo se vai prestar nel, quen poderá acceder ás prazas, canto lles custará ás familias e que condicións terán as persoas que traballan coidando dos nosos maiores.

O anuncio da Xunta e as declaracións do alcalde no pleno municipal deixan cuestións fundamentais sen resolver. Cando o alcalde afirma que non vai condicionar a construción da residencia ao modelo de xestión, está deixando aberta a porta a unha xestión privada que pode comprometer o carácter social dun servizo esencial.
Ribadavia non pode permitirse que unha residencia pola que levamos tantos anos loitando acabe convertida nun negocio privado.

1. Os nosos maiores non poden quedar fóra por non poder pagar. Unha residencia privada pode supoñer un custo de entre 2.000 e 3.000 euros mensuais, unha cantidade que moitas persoas maiores non poden asumir coas súas pensións.  A Fundación Nosa Sra. dos Anxos de Ribadavia mantén desde hai anos unha importante función social, con criterios económicos adaptados aos recursos das persoas usuarias e unha obra social que permite atender persoas con rendas limitadas.
Non queremos que se perda ese modelo nin que o acceso a unha praza dependa da capacidade económica de cada familia.  O dereito a recibir coidados dignos non pode depender do diñeiro que unha persoa teña na súa conta bancaria.

2. As traballadoras merecen garantías, non incerteza. As profesionais da Fundación levan anos desenvolvendo un labor esencial, con experiencia e compromiso coas persoas maiores.
A entrada dunha empresa ou concesionaria privada pode implicar cambios nas condicións laborais, nos convenios, na estabilidade do emprego e nas ratios de persoal. Por iso esiximos que se explique publicamente que vai suceder coas traballadoras; que se garanta o emprego das traballadoras e traballadores da Residencia Nosa Señora dos Anxos, na súa maioría veciñas e veciños de Ribadavia, asegurando a súa continuidade na plantilla e o mantemento de todos os dereitos laborais adquiridos ao longo dos anos no seo da Fundación.  Non abonda con anunciar prazas. Hai que coñecer tamén os recursos humanos e as condicións nas que se vai prestar a atención.

3. Queremos transparencia sobre o futuro da residencia e da Fundación. O Concello anunciou a disposición dos terreos e a súa cesión á Xunta para construír a nova residencia, desvinculando o proxecto da Fundación.  Pero a cidadanía ten dereito a coñecer que modelo se pretende implantar, quen o vai xestionar e que vai pasar cos servizos sociais que a Fundación presta actualmente.
No pleno do xoves 24/9/26,  o alcalde afirmou que non condicionaría a construción ao modelo de xestión. Consideramos que esta cuestión non pode quedar nun segundo plano nin resolverse sen información pública e participación cidadá. Queremos respostas claras, por escrito tanto no Padroado da Fundación como no pleno municipal, antes de que se adopten decisións definitivas.

POR TODO ISTO, RECLAMAMOS:
• Que a nova residencia sexa xestión 100% pública, na titularidade e na construción, sen concesións a empresas privadas.
• Que se garanta o acceso das persoas maiores independentemente dos seus recursos económicos.  
• Que se preserve a función social da Fundación e a atención ás persoas con rendas limitadas.
• Que se garantan o futuro laboral das traballadoras, os seus dereitos e unhas ratios de persoal adecuadas.
• Que o Concello e a Xunta fagan públicas as condicións do proxecto, o modelo de xestión e o futuro da Fundación.

O GMS de Ribadavia, non estamos en contra da residencia. Estamos a favor dunha residencia pública, accesible e con garantías. Levamos anos loitando por este servizo porque Ribadavia o necesita. Precisamente por iso non podemos aceptar que, despois de tanto tempo, se constrúa unha residencia sen saber se estará ao servizo das persoas maiores ou dos intereses dunha empresa privada.

Ribadavia merece unha residencia na que os seus maiores poidan vivir con dignidade, as familias teñan tranquilidade e as traballadoras desenvolvan o seu labor con dereitos.

Asina e comparte esta petición. 

O futuro dos nosos maiores e das persoas que os coidan é responsabilidade de toda a cidadanía.
Pedímoslle a toda a comunidade galega e a aqueles que comparten a nosa visión que amosen o seu apoio.
Asinade esta petición para que a nosa voz sexa escoitada e que Ribadavia poida contar con unha residencia pública digna. Os nosos maiores meréceno.
Actuemos agora para asegurar un futuro mellor para todos e todas. 

Opiniones de firmantes

Actualizaciones de la petición