Petition Closed

Porque é hora xa de acabar cunha forma de gobernar obsoleta, inxusta, anti-económica e con moitas carencias democráticas que é a monarquía. A República xurde como a alternativa máis racional como forma de organización do estado..

Manifesto Día da República 2013

FRONTE A UNHA MONARQUÍA CADUCA, CONSTRUAMOS UN FUTURO REPUBLICANO.


Celebramos este ano o Día da República cando a monarquía está máis desprestixiada que nunca e diminúe o seu apoio popular, como indican todas as sondaxes de opinión. A solución ante esta grave situación non é abdicación do rei no Príncipe de Asturias, senón deixar atrás unha monarquía caduca e avanzar na conquista da República.

Temos unha monarquía debedora de moitas pexas herdadas da ditadura franquista. Un xefe do Estado, o rei Juan Carlos, imposto polo ditador Franco en 1969 (como persoa “llamada en su día a sucederme a título de Rey”), que foi proclamado rei polas Cortes franquistas en 1975.

Cada vez é máis evidente que a chamada Transición non foi idílica, nin foi pacífica, nin estivo exenta de chantaxes e coaccións. As novas xeracións semellan non estar dispostas a apandar coas estreitas marxes de manobra que se pactaron no seu día a cambio de que os poderes fácticos permitiran certas liberdades á poboación. Sacrificouse a memoria das vítimas da represión fascista e decretouse o seu silenciamento, prohibindo a súa investigación, negándose á reparación e, sobre todo, a anulación das sentenzas que os condenaron en moitos casos á morte polo delito de ter unha ideoloxía diferente á fascista. Ao mesmo temo, amnistiouse aos verdugos.

O rei Juan Carlos desaparecía clandestinamente, en plena crise económica, abandonando as súas responsabilidades institucionais, para cazar elefantes en Botsuana. Sucedía todo isto nunha semana especialmente dura para a cidadanía co anuncio polo goberno do PP de novos recortes sociais en educación e sanidade.

A propaganda oficial fala, interesadamente, da neutralidade e independencia da monarquía, que nunca existiu. O rei Juan Carlos participou recentemente nun consello de ministros para apoiar as políticas económicas neoliberais e os recortes sociais do goberno de Mariano Rajoy. O rei tomaba claramente partido e enviaba unha carta ao Sha de Persia (“Mi querido hermano”) desde o Palacio de La Zarzuela o 22 de xuño de 1977, cinco días despois das primeiras eleccións xerais despois da morte de Franco, pedindo 10 millóns de dólares para UCD. Despois do intento do golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, o rei recibiu aos líderes dos partidos políticos con representación parlamentaria e fixo unhas declaracións de claro apoio aos golpistas: “Sería poco aconsejable una abierta y dura reacción de las fuerzas políticas contra los que cometieron los actos de subversión en las últimas horas”. É público que o rei realizou xestións para o enriquecemento ilegal do seu xenro Iñaki Urdangarín.

En tempos de crise asistimos a un auténtico despilfarro e mal exemplo para a cidadanía. O rei dedícase á caza, asiste en Abu Dabi a unha carreira de coches de Fórmula 1, todo pagado con cartos públicos. Traballan para o rei 507 persoas e o parque móbil ao servizo da Casa do Rei é de 72 vehículos oficiais e 45 condutores.  O presuposto para a Familia e Casa do Rei é de case 9 millóns de euros que, segundo a Constitución, o rei “distribúe libremente”. A esta cantidade habería que sumar outros 5,9 millóns de euros que figuran na sección do Ministerio de Administracións Públicas baixo o epígrafe “Apoio á xestión administrativa da xefatura do Estado”.

É un escándalo o presuposto para garantir a seguridade da Casa Real. En 2011 a Garda Civil gastou 42,5 millóns de euros e 46 millóns a Policía Nacional. O ministerio de Defensa pagou 56 millóns de euros en seguridade, eventos onde participa o rei, desfiles e visitas; ten que facer fronte ao mantemento do Rexemento da Guarda Real cun custo anual de 80 millóns de euros; 45 millóns de euros para o Cuarto Militar e 110,8 millóns de euros para o 45 grupo de Forzas Aéreas ao servizo do monarca.

Todo o relacionado coa monarquía está rodeado dun total escurantismo. O rei queda ao marxe das políticas de transparencia e a Mesa do Congreso rexeitaba 36 preguntas  sobre a Casa do Rei. Non se coñecen, oficialmente, outros ingresos do Rei e tampouco o patrimonio da Familia Real, aínda que a revista Forbes fala de 1.790 millóns de euros.

Queremos unha República laica, que acabe cos privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes sociais que empobrecen ás clases populares; que respecte o dereito democrático a decidir o seu futuro da nación galega.

Unha República que recupere a memoria histórica, acabe coa impunidade e condene a aqueles que durante a Ditadura cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben. Queremos xustiza e reparación para as vítimas do franquismo. A derrogación da Lei de Amnistía de 1977, tal e como recomendaron Amnistía Internacional e a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, porque incumpre o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos das Nacións Unidas de 1966, asinado polo Estado Español en 1976. Cómpre unha condena explícita da ditadura de Franco e a desvinculación total do sistema político que nos deamos do réxime totalitario anterior que sufrimos.

Ante unha monarquía caduca, avogamos por un novo 14 de abril que abra unha segunda transición, que liquide definitivamente os residuos do franquismo, incrustados nas institucións, e permita a libre expresión de todos os que consideren que se pode mudar as estruturas do Estado para facelas máis transparentes, participativas e ao servizo dos cidadáns. Estamos pola apertura dun proceso constituínte, que debe iniciarse cun pronunciamento popular en referendo sobre a forma de Estado. Chamamos á mobilización cívica para que se realice esa consulta. Como demócratas, pensamos que a República será unha realidade cando sexa reclamada pola maioría da sociedade.

                    Viva a República!

Letter to
Á opinión pública en xeral
A adhesión ao manifesto pola República 2013