Recoñecemento profesional da Educación Social na Xunta de Galicia

Recoñecemento profesional da Educación Social na Xunta de Galicia
Por qué es importante esta petición

A Educación Social é unha profesión que diariamente se esforza e traballa para que se garantan os dereitos e a calidade de vida das persoas. É necesario que desde a administración pública se contribúa a este traballo a través do debido recoñecemento á profesión de Educación Social, apostando por unha atención interdisciplinar como garantía de calidade nos servizos socioeducativos especializados, así como deixando de fomentar o intrusismo profesional.
Ante a próxima convocatoria de oferta de emprego público da Xunta de Galicia, que inclúe 86 postos de “Educador/a”, manifestamos o seguinte:
- A titulación de Educación Social creouse no ano 1991 e impartiuse por primeira vez nas Universidades galegas no curso 1994/1995. Moi pronto consolidouse na oferta académica de practicamente a totalidade das universidades públicas e privadas do estado español, e neste momento, xa todas as comunidades autónomas teñen o seu colexio profesional oficial de Educación Social. Ata este momento, tituláronse en Educación Social en Galicia máis de 4300 persoas.
- Esta titulación foi creada a partir da inquedanza das e dos profesionais de ámbitos educativos especializados que tomaron conciencia de que a súa acción educativa tiña un corpo propio que daba forma a unha profesión para a que era necesaria unha formación académica especializada que non existía nese momento.
- A pesar de ser hoxe unha profesión consolidada, definida e identificable, enfróntase aínda a unha serie de problemas que se derivan dun principal, que é a falta do debido recoñecemento por parte das administracións públicas.
- A Lei de Emprego Público de Galicia (2015), ao establecer as escalas e especialidades do persoal da administración autonómica, obvia a denominación “Educador/a social”, continuando coa antiga denominación do posto “Educador/a” e emparellándoo con titulacións diversas, ademais da de Educación Social. Situación herdada de moitos anos atrás, que na actualidade resulta totalmente anacrónica e inadecuada. As outras titulacións admitidas para estes postos teñen recoñecida sen embargo de xeito paralelo a súa especialidade propia, coa denominación e requisitos correctos e acordes á realidade académica.
- Dende a súa creación no ano 2001, O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia leva insistindo ante a Xunta de Galicia na necesidade de resolver esta situación, achegando propostas que respectan o dereito laboral adquirido das persoas que actualmente xa estean ocupando eses postos, independentemente da súa titulación.
Consonte con isto, SOLICITAMOS:
- Que na convocatoria de postos de “Educador/a” que está próxima a publicarse recolla como único requisito académico de acceso a titulación universitaria de “Educación Social” (diplomatura ou grao) ou habilitación profesional como educador/a social.
- Que se modifique a Lei de Emprego Público para adaptala á realidade académica, de xeito que se elimine a denominación “Educador/a” e pase a ser “Educador/a Social”.
En definitiva, reclamamos que a Xunta de Galicia sexa coherente coa realidade académica e profesional, como xeito de asegurar non só os dereitos das persoas tituladas en Educación Social no seu acceso e permanencia no mercado laboral senón tamén os do conxunto da cidadanía, ao garantir actuacións e servizos de calidade prestados polas/os profesionais idóneas/os.
Destinatarios de la petición
- Jose Maria Barreiro DiazDirector Xeral da Función Publica