Remunicipalización da auga en Ponteareas

Remunicipalización da auga en Ponteareas

0 personas han firmado. ¡Ayuda a conseguir 200!
Con 200 firmas, es más probable que esta petición aparezca entre las peticiones recomendadas
Ponteareas Esquerda Unida ha iniciado esta petición dirigida a Goberno de Ponteareas

Por  que a remunicipalización da xestión da auga?

Por principio democrático. A auga é un ben básico que non pode estar sometida aos intereses do mercado.

A consideración da auga como un ben común e como un dereito humano básico esixe un modelo de xestión que non se subordine á obtención do beneficio privado e que garanta a eficacia, a solidariedade, a eficiencia, a equidade, o control democrático dos operadores dos servizos da auga e a conservación dos ecosistemas acuáticos.

O carácter esencial da auga levou á Asemblea Xeral das Nacións Unidas a declarar, en xuño de 2010, que o dereito ao abastecemento e ao saneamento é “un dereito humano esencial para o pleno goce da vida e de todos os dereitos humanos”.

Entre o ano 2000 e o 2017 producíronse como mínimo 235 casos de remunicipalización da auga en 37 países o que afectou a máis de 100 millóns de persoas. Entre eles, 27 casos déronse en España. (1)

Porque soamente dende a xestión pública e participativa se pode fomentar a cultura do aforro de auga. As empresas privadas promoven o malgasto.

E de ahí ven que en Ponteareas teñamos establecido un consumo mínimo de 15 metros cúbicos ao mes (2), un consumo mínimo desproporcionado que a veciñanza de Ponteareas ten que pagar aínda que non chegue a el e que ademais vai totalmente en contra de calquera idea de xestión sostible e responsable da auga.

Porque permitiría investir nas redes de abastecemento e saneamento e reducir as fugas.

Por norma xeral, tal e como expoñen distintos informes,  nas experiencias que se levaron a cabo de remunicipalización isto supón unha redución das fugas, e un incremento da inversión no mantemento da rede.(1)

Porque a xestión pública é menos custosa e máis eficiente.

Así o poñen de manifesto tanto as distintas experiencias de remunicipalización como o INFORME DE FISCALIZACIÓN DEL SECTOR PÚBLICO LOCAL, EJERCICIO 2011(3) do Tribunal de Contas. Do informe referido despréndese tanto unha redución do custe por habitante como de perdas de auga no caso de xestión directa.

Porque é a única forma de acabar cos abusos na tarifa de auga.

Ao estar a xestión da auga atada a un contrato cunha empresa privada que loxicamente quere obter

beneficios, os recibos estarán sempre condicionados a esta cuestión, o que supón o seu encarecemento e que non se poida tarifar segundo o principio de “quen máis consume máis paga”. O que é máis, dado o carácter básico da prestación deste servizo, poderían establecerse na ordenanza reducións do prezo para persoas de baixos ingresos.

Porque é unha forma de garantir unhas condicións laborais dignas.

A precariedade e o incumprimento dos convenios colectivos están á orde do día nas empresas que prestan servizos ao sector público. A competencia entre elas para ofrecer un prezo máis baixo, acaba xeralmente por deixar a carga nos traballadores e traballadoras empeorando as súas condicións laborais.

 

A situación da xestión da auga en Ponteareas

Sobre Viaqua

Viaqua é unha filial da transnacional francesa Suez(4). Esta multinacional, dedicada á xestión da auga potable e do saneamento de augas,  ten presenza en todos os continentes e uns ingresos anuais de 15.870 millóns de euros. Unha empresa que se beneficiou dos procesos de privatización impostos polas políticas neoliberais dominantes no mundo.

Suez está presente en España, ademais de en Galicia a través de Viaqua, está presente en todas as comunidades menos na de Madrid: Asturias (Asturagua), Cantabria, País Vasco, Navarra e A Rioxa (Aquarbe), Castela e León e Castela – A Mancha (Aquona), Aragón (Aquara), Catalunya (Agbar), Estremadura (Aquanex), Valencia (Hidraqua), Baleares (Hidrobal), Andalucía (Hidralia), Murcia (Hidrogea) e Illas Canarias (Canaragua).

Viaqua realiza a súa actividade en 40 concellos galegos o que lle reporta unhas vendas totais de 55 millóns de euros. A accionista única, SUEZ AGUA CONCESIONES IBERICA SL., agora chamada CONCESIONES AGUAS DEL NORTE SL.(5) , levouse no ano 2018 a cantidade 3.865.000€ en dividendos procedentes do negocio de Viaqua en Galicia(6). Esta empresa domiciliada en Madrid e con soamente 19 traballadores/as fixo ventas no ano 2018 por valor de máis de 75 millóns de euros.

Viaqua en Ponteareas

Viaqua, antes chamada Aquagest, xestiona a auga en Ponteareas dende 1989. Posteriormente, o 7 de agosto de 1998 modifícase o contrato que ata entón era soamente de abastecemento, á xestións das augas residuais. Este contrato tería unha duración de 20 anos. Logo da construción da ETAP de Ponteareas, que tivo un custe de 1.500.000 euros, dos que o Concello puxo 300.000(7), en outubro de 2013 o Pleno da Corporación Municipal aproba a modificación do contrato de xestión do abastecemento de auga potable e depuración e amplía este á xestión da nova Estación de Tratamento de Auga Potable. Este último feito foi un dos que levaron a que o Concello de Ponteareas fora investigado no marco da Operación Patos, aínda que finalmente o caso foi arquivado. A documentación relativa ao contrato foi requisada por orde do Xulgado de Ponteareas(8).

Esta empresa ten en Ponteareas 7496 abonados ao servizo de abastecemento e saneamento dos que percibe anualmente arredor de 1 millón de euros anuais(9) (P.ex. 233.500€ no segundo trimestre de 2018). 769 destes abonados non reciben a auga da ETAP. Aínda así, pagan igualmente o canon de depuración(10).

Convén ter en conta que a empresa unicamente se encarga do mantemento e xestión das redes, E.T.A.P. e E.D.A.R.. Todos os investimentos, tanto na rede de saneamento como na de abastecemento, así como a depuradora de auga potable e a de augas residuais son de cartos públicos. Municipais, autonómicos ou do estado. Aínda así, a parte que recibe o concello procedente das facturas que pagan os abonados é moito menor, arredor dos 280.000 euros anuais (P. Ex 69.925€ no segundo trimestre de 2018(9)).

E isto a pesares de que o Concello, con fondos propios ou mediante subvencións é quen se encarga das distintas obras relativas ao servizo. Por exemplo, no ano 2019 o Concello empregou 217.000 euros na mellora da rede de saneamento e tiña consignados nos orzamentos para a mellora da rede de abastecemento 265.800 euros, aínda que finalmente quedaron sen empregar(11).

A factura da auga

Á hora de facturar os servizos de auga potable e máis de augas residuais aos abonados, en Ponteareas establécese un consumo mínimo de 15 m3 mensuais, o que fai unha factura trimestral por un consumo mínimo de 45 m3. Este consumo mínimo establecido está moi por riba das

necesidades de consumo de auga da maioría da veciñanza pero esta ten que pagar a factura en función dese consumo mínimo. Deste xeito, non é so que non se promova a utilización responsable dun recurso fundamental como a auga, senón que se promove ou seu malgasto.

Na factura hai varias cotas fixas: cota de servizo de tratamento (3,44€), a cota de servizo de conservación do contador (0,64€), a cota de servizo de depuración de augas residuais (1,38€), e varias cotas variables: o consumo mínimo de auga, o consumo mínimo de depuración de augas residuais, a cota de sumidoiros e o canon da auga (este último un polémico imposto creado pola Xunta de Galicia que grava o consumo de auga)(12). As cotas variables, exceptuando a do canon da auga,  están afectadas polo consumo mínimo marcado na ordenanza de augas de Ponteareas. Unha ordenanza que inclúe un suposto de consumo mínimo de 15m3 mensuais polo que todos os abonados teñen que pagar, como dicíamos, aínda que non cheguen a ese consumo. E todo isto para garantir o lucro da empresa concesionaria(2).

Ademais, a cota de servizo de tratamento a pagan todos os abonados, independentemente de que reciban a auga procedente da Estación Depuradora de Auga Potable (E.T.A.P.) ou non. Estes abonados, 796, que supoñen o 10,25% dos 7.496 totais,  están situados nas parroquias de Ribadetea (A Freixa, Pardellas,  Carretera de Ribadetea), Angoares (Crta. de Angoares, Carballal, Balvoa, Abelleira, Monte Veiga, Searas, Picón), Arcos (A Serra, Barral, Abelleira), Areas (Ganade, Lomba), Ponteareas (Barrio A Ponte, estrada xeral A Ponte), Bugarín (A Pedriña), Canedo (Barrio Canedo, Barral), Cristiñade (A Torre, Outeiro, Porteliña, Xesteira, Sequeiros, Urcela), Fontenla (Ascensión, Ceo, Gaiosa, Novexil, Picouto, Alto da Gloria, Barbáns, Barral, Rabadeiras, Cornedo, Balvoa), San Mateo de Oliveira (Capela, Cruceiro, Alcázar, Lamela, Manga, Penabella, Piñeiro, Puzo, Vera), Moreira (Amarela, Feira, Macadín, Peroxa, Raña de Abaixo, Raña de Arriba, Requeixo, Soutiño, Urcela de Abaixo, Vilanova)(10).

O certo é que no ano 2016 o Concello de Ponteareas explorou a posibilidade de modificar a ordenanza para que os clientes que non reciben auga tratada na ETAP quedaran excluídos da obriga do abono da cota deste servizo. A empresa alegaba que a Directiva Marco da Auga(13) recomenda cobrar a auga en función de criterios homoxéneos e non en función do custe que supón en cada zona tal e como se fai na actual Ordenanza (poñían como exemplo que o bombeo ao depósito de “Moreira” é un 70% máis caro que o bombeo ao depósito de A Xesta). Pudendo estar de acordo con este criterio, cabería preguntarse: Recomenda tamén a Directiva Marco da Auga cobrar por un servizo cando este non é prestado?

O caso é que de excluír aos abonados que non reciben a ETAP, habería que incrementarlle a cota aos demais. A empresa nunca perde.

 

A proposta de Esquerda Unida


En Esquerda Unida temos o convencemento de que a auga é un ben público que non debe estar suxeito a intereses comerciais. Ademais, a xestión pública é o único xeito de acabar coas inxustizas con respecto a este servizo. Por iso Esquerda Unida presentou no Pleno de Ponteareas en decembro de 2018 unha iniciativa encamiñada a recuperar a xestión pública da auga(14) tendo en conta que o contrato coa empresa xestora remata no ano 2020. Para poder remunicipalizar a auga o concello ten legalmente que demostrar que a xestión pública é máis eficiente que a privada(15). Este proceso pode levar bastante tempo, polo que EU decidiu levar a cuestión a pleno con tempo suficiente para que dera tempo a telo rematado no momento de acabarse o contrato.

Naquel momento, todos os grupos que estaban na Corporación Municipal apoiaron esta moción, polo que foi aprobada por unanimidade. A pesares diso, nin o actual Goberno Municipal do BNG e do PSOE fixo nada para comezar ese proceso nin os partidos que están agora na oposición, PP e ACIP, reclamaron o cumprimento do acordo plenario.

Conclusións


A recuperación da xestión pública dos servizos de abastecemento e depuración de auga é unha cuestión prioritaria para EU. Soamente coa xestión pública e participativa se pode mellorar o servizo, acabar cos abusos e garantir que todas as persoas podan acceder a este dereito independentemente da súa situación económica. Son moitas as dificultades que hai que superar para poder remunicipalizar a auga. Dificultades impostas polos distintos gobernos do PP e do PSOE no estado para favorecer as privatizacións. Non soamente pola obriga de demostrar documentalmente que a xestión pública é máis eficiente que a privada, senón por outras cuestións como os límites impostos á taxa de reposición de funcionarios, algo especialmente nocivo para os concellos(16) ou as dificultades que impoñen para poder subrogar ao persoal da empresa concesionaria (algo imprescindible na nosa proposta). O PP chegou a tentar impedir mediante a Lei de Orzamentos de 2017 a subrogación do persoal das empresas xestoras dos servizos remunicipalizados, algo que foi finalmente anulado polo Tribunal Constitucional(17).Pero unha cousa é ter dificultades para realizar un proxecto e outra é nin sequera tentalo, tal como está a facer o actual goberno municipal, que se di de esquerdas pero fai políticas de dereitas.

Dada a inacción do actual goberno municipal con respecto ao proceso necesario para recuperar a xestión pública da auga, moito nos tememos que pretendan volver a entregar este servizo a unha empresa privada. Agardamos equivocarnos, pero é moi posible  que o Concello de Ponteareas pretenda xustificar continuar coa privatización do servizo asinando un novo contrato que inclúa inversións por parte da empresa adxudicataria, tal e como fixo o BNG no goberno de Pontevedra no ano 2018 cun novo contrato a 20 anos(18). De darse esta situación, con esta forma de chantaxe o que estará a facer o goberno municipal, supostamente de esquerdas, será dar continuidade ao saqueo dos bens públicos e dos petos das traballadoras e traballadores por parte de empresas privadas, neste caso ademais transnacionais. Suporá seguir poñendo o poder político ao servizo dos grandes capitais. Demostrarán que non son máis que simples xestores da explotación do capital sobre a clase obreira e o medio ambiente. Por esa liña, sempre se atoparán con Esquerda Unida en fronte. Estamos nun momento crítico. Se non somos quen de parar este saqueo agora que remata o contrato con Viaqua e se volta a asinar un novo, será moi difícil reverter esta situación polo menos durante 20 ou 30 anos máis.

 

(1) Informe “La recuperación de los servicios públicos”: https://www.epsu.org/sites/default/files/article/files/Reclaiming%20public%20services%20ES_0.pdf

 (2) Ordenanza de augas de Ponteareas: http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2018/10/an.bop_.PONTEVEDRA.20170102.2016045884.pdf

 (3) Tribunal de Contas. Informe de Fiscalización del Sector Público Local. Exercicio 2011: https://www.tcu.es/repositorio/fd3654bc-3504-4181-ade5-63e8a0dea5c2/I1010.pdf

 (4) Suez. Concesións en España: https://www.suez.es/es-es/quienes-somos/suez-en-espana/concesiones

 (5) Cambio de denominación Suez Concesións Ibérica: https://www.boe.es/borme/dias/2019/10/17/pdfs/BORME-A-2019-200-28.pdf

 (6) Páxina web de información sobre empresas: https://www.einforma.com/

 (7) Noticias relacionadas á ETAP de Ponteareas: https://www.farodevigo.es/comarcas/2012/07/28/13000-ponteareanos-reciben-casas-agua-apta-consumo/669284.html

 https://www.atlantico.net/articulo/area-metropolitana/nueva-etap-ponteareas-entro-fase-pruebas/20120414094357175227.html

 (8) https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2014/02/18/policia-judicial-registra-concello-ponteareas/00031392719791385498205.htm

 (9) Distintas liquidacións de Viaqua ao Concello. Non hai enlaces dispoñibles.

 (10) “Informe relativo ó cálculo da modificación da ordenanza de auga a efectos de excluir do pago da cota de servizo aos abonados non conectados á ETAP.” Informe de Viaqua solicitado polo Concello de Ponteareas e emitido o 24 de novembro de 2016. En poder do Concello. Non hai enlace dispoñible.

 (11) Avance de liquidación orzamentaria de gastos 2019: https://ponteareas.sedelectronica.gal/transparency/b70482c1-c0eb-4b85-aecb-582b2911bd1a/

 (12) Nota eu canon da auga: https://eumedioambiente.blogspot.com/2012/06/esquerda-unida-oponse-ao-canon-da-auga.html

 (13) Directiva Marco da Auga: https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=DOUE-L-2000-82524

 (14) Acta do Pleno do 18/12/2018: https://ponteareas.sedelectronica.gal/transparency/f4bc4394-1801-41ba-9ab9-8d315e107fa4/

 Nota de prensa moción EU “Para determinar a forma máis sostible de xestión da auga”: https://euponteareas.wordpress.com/2018/12/22/esquerda-unida-insiste-na-remunicipalizacion-do-servizo-da-auga/

 (15) Artigo 85.2 da LRBRL: https://www.boe.es/buscar/act.php?lang=gl&id=BOE-A-1985-5392&tn=&p=

 (16) ADAMS. Empregados públicos en España- Evolución xaneiro 2010 a xullo 2016. https://www.adams.es/documentos_pdf/Informe-Empleados-Publicos-Espana

 (17) O Constitucional desfai o veto de Rajoy a que os traballadores de servizos remunicipalizados covértanse en empregados públicos: https://www.eldiario.es/economia/Constitucional-trabajadores-remunicipalizados-Presupuestos-Rajoy_0_833966745.html

 (18) Noticia sobre o novo contrato en Pontevedra de Viaqua:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/pontevedra/2018/09/21/viaqua-concello-embotellaran-agua-traida-eventos-deportivos/0003_201809P21C2992.htm

0 personas han firmado. ¡Ayuda a conseguir 200!
Con 200 firmas, es más probable que esta petición aparezca entre las peticiones recomendadas