#DefendeAGalega: reclama uns medios públicos independentes

0 personas han firmado. ¡Ayuda a conseguir 5.000!



A Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia aprobada en 2011 establece que o director xeral da CRTVG será elixido por maioría cualificada do Parlamento galego e que ostentará ese posto por un período de 5 anos. Pero Alfonso Sánchez Izquierdo leva no cargo desde 2009, o que supón un dobre incumprimento da norma. A mesma Lei recolle que son principios inspiradores da televisión e da radio públicas “a obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa”, así como o “reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia”. Só é necesario prender a tele ou a radio calquera día para comprobar que eses principios non se cumpren.

Tamén recolle a Lei como principios fundacionais da CRTVG “o fomento da produción audiovisual propia” e “a plena cobertura do conxunto do territorio”, pero a externalización de contidos é cada vez maior e o desmantelamento é patente trala desaparición das delegacións de Pontevedra, Ferrol e A Mariña, á que hai que sumar a supresión das desconexións locais. É por iso que os abaixo asinantes esiximos:

-O relevo inmediato do actual director xeral e a elección do seu sucesor no Parlamento por maioría de dous terzos.

-A urxente posta en marcha dun Consello de Informativos que ampare os e as traballadoras ante as prácticas de manipulación que se dan no presente e se poidan dar no futuro.

Asina para esixirlle ao Goberno da Xunta e ao Consello de Administración da CRTVG o cumprimento da Lei.  Por uns medios públicos ao servizo da cidadanía, que sexan espello da pluralidade do país, que exerzan de dinamizadores culturais e sociais, que informen, formen e entreteñan. Porque é túa: Defende a Galega.