Declaración en defensa da pesca de fondo galega

Declaración en defensa da pesca de fondo galega

0 personas han firmado. ¡Ayuda a conseguir 100!
Con 100 firmas, es más probable que esta petición aparezca entre las peticiones recomendadas
PSdeG PSOE ha iniciado esta petición

Galicia é a primeira rexión pesqueira europea. Pero a importancia da pesca transcende o seu impacto económico como actividade clave para o desenvolvemento do país: constitúe tamén un elemento da nosa identidade. E, como probou a crise da covid-19, un piar esencial para garantir a soberanía alimentaria. En termos xerais, a frota galega representa ademais, case a metade de toda a frota española, faenando en diferentes augas a nivel estatal, europeo e internacional, sendo exemplo de respecto aos convenios e normativas rexionais e internacionais, que no caso europeo, plásmanse na Política Pesqueira Común (PPC), ao tempo que desenvolveu nos últimos anos, iniciativas enfocadas á mellora da sustentabilidade da súa actividade. Non é casualidade que a situación dos caladoiros onde opera a nosa pesca, se atope en rendemento máximo sostible e os niveis de biomasa estean en máximos, un 50 % por enriba de hai 15 anos.

Nembargantes, nos últimos tempos, a frota Pesqueira galega está a vivir intres complexos. Problemas estruturais e conxunturais da pesca, dende a alza de prezos dos combustibles ao cambio climático, os problemas de relevo xeracional, o Brexit, ou recentemente a pandemia de COVID-19 ou a guerra en Ucraína, están a configurar un contexto especialmente difícil que resucita a pantasma de amarres da frota. A esta situación, súmaselle agora a intención da Comisión Europea de prohibir todas as actividades relacionadas coa pesca de fondo (arrastre, palangre, anzol…) en 94 zonas de pesca en caladoiros de Francia, España, Portugal e Irlanda. O denominado ‘acto de aplicación’ para a protección de ecosistemas mariños vulnerables (VMEs=Vulnerable Marine Ecosystems), equivalente comunitario a unha orde ministerial en España, do regulamento comunitario sobre acceso a augas profundas e que, na última votación ante o Consello da Unión Europea, obtivo unha maioría insuficiente co ‘non’ de España e Irlanda.

O “acto de aplicación” podería afectar a máis de 300 pesqueiros españois, entre os cales, mediante sistemas de xeolocalización (VMS), podemos saber que os buques, que faenan con palangre de fondo, arrastre de fondo e volantas no Gran Sol afectados directamente poderían ser 75, dado que frecuentan estas zonas.

As frotas afectadas por esta decisión esténdense por todo o litoral galego, pero especialmente nas áreas de Burela e Celeiro (zonas que lembremos, se atopan afectadas polo peche das plantas de Alcoa e Siemens Gamesa) nos casos de palangre de fondo e volantas, como o de Vigo no caso de arrastre, así como outros portos como Coruña, Ribeira, etc. Trátase por tanto, dun tema de alta preocupación para o sector e para a economía de Galicia que non se pode pasar por alto e que de aplicarse, terá un impacto moi importante para a pesca galega.

Fronte a todo elo, é preciso destacar que o sector non cuestiona a necesidade de conservación dos ‘ecosistemas mariños vulnerables (EMV)”, pero si o xeito en que se aplica esta medida, toda vez que debe basearse en informes rigorosos e aplicarse de xeito razoable. A pesca, como calquera actividade humana, ten un impacto ambiental e o sector pesqueiro é consciente da necesidade de aplicar medidas de protección, pero estas deben basearse en informes científicos rigorosos, no diálogo cos consellos e entidades consultivas e aplicarse co maior consenso posible. A información na que se sustenta a presente decisión, non obstante, parte de información aportada polo ICES que o sector calificou de incompleta, posto que non se pararon na información máis detallada sobre os fondos mariños, feito que podería dar unha visión máis completa da situación.

Así mesmo, a proposta non diferencia as zonas nin os tipos de arte pesqueiro, o que tamén é outra eiva importante da mesma, así como as medidas de protección que cada estado xa aplica sobre as zonas citadas, o que amosa un escaso ou inexistente grao de ponderación das medidas, que remata impactando de xeito global no sector.

A frota galega de Gran Sol, representa un activo chave para a pesca e a economía de Galicia. Os buques de palangre de fondo, volanta e arrastre que faenan nas zonas afectadas por esta decisión, levan anos apostando pola mellora da selectividade das súas artes, a eficiencia, a sustentabilidade social e económica dunha actividade que, repetimos, se atopa en situación de rendemento máximo sustentable, e aplicando todas as normativas de xeito rigoroso e comprometido. Unha frota que é exemplo internacional de boas prácticas e que, con esta decisión, vai ver cercenada unha parte fundamental dos seus caladoiros de pesca mediante unha medida desproporcionada, pouco fundamentada e de xeito indiscriminado para todas as artes e frotas.

É por elo, que mediante a presente declaración, pretendemos amosar á Unión Europea o noso rexeitamento a esta medida polas seguintes razóns obxectivas: 

a) A decisión debe fundamentarse en informes científicos ben fundamentados e aceptados, así como mediante un claro e sinxelo debate cos organismos consultivos e co propio sector pesqueiro.

b) A decisión aplícase de xeito indiscriminado a todas as artes de pesca e frotas, sen ter en conta a sistemática de pesca ou a selectividade das mesmas, o que debe ser tido en conta.

c) Todas as artes de pesca da frota galega afectada, levan anos impulsando medidas de mellora da súa selectividade así como de mellora da súa eficiencia enerxética, xestión de residuos, consumos, etc.; para seguir mellorando a súa pegada de carbono e impacto ambiental, xa de por si, baixo, respecto a outras actividades humanas relacionadas coa produción de proteína animal.

d) A frota galega cumpre de xeito claro e rigoroso, todas as normativas de aplicación á súa actividade, dende os regulamentos europeos ata os nacionais ou internacionais, así como coas súas obrigas pesqueiras en relación cos TAC´s e cotas de aplicación, obrigacións de desembarque, descartes, etc.; o que fai dela, unha frota de referencia a nivel internacional.

e) A decisión non ten en conta tampouco, as medidas de protección xa existentes por parte dos países soberanos, o que fai dela un acordo desproporcionado, que non admite gradacións de ningún tipo, o que é totalmente inaceptable. Protección que agora se quede impoñer en zonas nas que a frota leva décadas faenando coas artes que agora se queren prohibir, sen que os pescadores detectaran a presenza destes ecosistemas mariños vulnerables, que por outra parte, subsisten a pesar da suposta presenza histórica de tal actividade pesqueira.

f) A decisión ten un impacto económico e social claro nas flotas afectadas, sen alternativa ou compensación algunha, o que amosa ademais, unha escasa planificación de impacto social e económica, aspecto que toda política pública debería ter en conta. Por todo elo, as entidades asinantes, amosamos a nosa oposición a esta medida.

O sector pesqueiro galego é o máis interesado en mellorar o estado ecolóxico dos nosos mares para que o pesqueiro siga a ser un sector de presente e de futuro, capaz de seguir poñendo nas nosas despensas produtos de máxima calidade e mínima pegada de carbono. Por todo elo, propoñemos:

1) Indicar á Unión Europea que é preciso realizar unha consulta aberta e sinxela cos organismos consultivos de pesca e co sector, mediante os canles previstos, fundamentalmente aos consellos asesores, xa que o feito, se se pode considerar que foi, foi totalmente deficiente e insignificante e sobre a base de informes científicos e datos rigorosos.

2) Indicar á Unión Europea que as limitacións e interpretacións das recomendacións científicas dispoñibles, plantexan unha extensión desmesurada das áreas xeográficas a protexer en función dos achados ou da probabilidade da súa presenza nas zonas.

3) Indicar á Unión Europea que debe considerarse no Regulamento final unha gradación e tratamento de acordo coas diferentes artes de pesca, que permitan unha aplicación menos lesiva.

4) Indicar á Unión Europea que unha decisión deste calado debe partir dunha avaliación do impacto social e económico, como piares da Política Pesqueira Común para a adopción de calquera medida, xa que só así se pode acadar o equilibrio esencial.

Por todo elo, asinamos a presente declaración, en conformidade co seu contido, para ser remitida á entidade responsable da adopción da presente medida

0 personas han firmado. ¡Ayuda a conseguir 100!
Con 100 firmas, es más probable que esta petición aparezca entre las peticiones recomendadas