Petición cerrada

Coa realidade social amosando vergoñentas evidencias, adoptar medidas políticas encamiñadas a cumprir co seguinte Informe de Mínimos é unha obriga moral para os máximos representantes do Concello.

Esta petición ha conseguido 474 firmas


Despois de 20 meses traballando moi preto das familias que peor o pasan en Ponteareas, acordamos que non é suficiente con dispoñer axudas paliativas, nin é xusto nin moral que o traballo de protexer ás familias teña que partir de iniciativas cidadanas porque a administración, a tódolos niveis, se desentende de dignificar a vida de todas e cada unha das persoas. 

Por iso, para ir máis alá de parches temporais e despois de estudar e analizar a situación de primeira man, Ponte Solidario elabora este Informe de Mínimos cunhas medidas tan necesarias para loitar contra a exclusión social como obrigas evidentes para as administracións. 

Invitámosvos a coñecer a fondo e ler detidamente as propostas que formulamos, firmando se concordades esta petición para presentala ante o Pleno Municipal de Ponteareas, onde tentaremos se comprometan a tomar decisións encamiñadas a cumprir isto. 

Aquí tedes a ligación para descargalo completo:

http://www.pontesolidario.com/Proyectos/Revista%20IM.pdf

E a continuación un resumo dos puntos máis importantes: 

 

1. Alimentación e produtos básicos

Case a totalidade das familias teñen necesidades graves en algo esencial para a supervivencia como é a alimentación. Facer 3 comidas ó día (4 no caso dos nenos) é innegociable; sexas quen sexas, vivas onde vivas, ingreses o que ingreses. Consideramos que é responsabilidade directa do termo municipal que ningunha persoa en Ponteareas pase fame, cumprindo ademais uns mínimos na súa dieta con frescos, pescado e carne. 

1.1. Posta en marcha dun comedor social

A fin de garantir un almorzo, comida e cea a tódalas persoas que non poidan pagalo, é necesario algún sistema que preste este servizo. Vales de comida, reparto a domicilio ou instalacións propias son algunhas modalidades que se están a utilizar noutras localidades. 

1.2. Comedor escolar

En relación á medida anterior, a tódolos menores de 18 anos escolarizados en centros públicos con niveis de renda e exclusión que os fagan merecedores da axuda, se lles proporcionarían 3 comidas diarias. Débese contar co marco legal, adaptándose ás posibilidades permitidas pola administración autonómica. 

1.3. Subministro de produtos perecedoiros

As axudas en alimentación que chegan ás familias dende os Servizos Sociais ou outros entes, carecen normalmente de produtos frescos que permitan unha alimentación axeitada. Propoñemos poñer en marcha dende a administración algunha medida encamiñada a paliar este déficit, como por exemplo:

               - Acordos co pequeno comercio estimulando a doazón destes produtos con beneficios fiscais. 

               - Vales mensuais para alimentos frescos a través dos Servizos Sociais. 

               - Dinamizar a doazón destes produtos por particulares, aproveitando o superávit no cultivo doméstico. 

1.4. Correcta xestión do Banco de Alimentos

Dignificar o servizo ás familias é fundamental para conseguir a integración destas persoas, e segundo unha maioría de ponteareáns usuarios deste servizo, o trato estigmatizado está moi lonxe de ser digno. Ademais, ampliar a variedade de alimentos, flexibilizar horarios e días para ir a recibir os paquetes ou prestar especial atención alimentaria ás familias con bebés, son necesidades que ata o de agora non están cubertas.

1.5. Banco de recursos de uso infantil

Carros, cadeiras, tronas e outros artigos para bebés cun custo elevado, debéranse poñer a disposición das familias que non poidan acceder a eles polos seus medios, a través dun banco municipal destes bens, prestando ás familias o necesario e que estas deberán devolver en bo estado para un novo préstamo.  

1.6. Roupeiro Municipal

Soamente trátase de xestionar as doazóns dos veciños, fomentar a reciclaxe de roupa e identificar ás familias que necesitan este servizo para mellorar a súa calidade de vida. Crear un servizo de roupa municipal é claramente cuestión de vontade.

 

2. Vivenda

2.1. Pobreza enerxética

Un dos principais problemas das familias en risco son as facturas que non pode asumir de servizos básicos. Cortes de auga, luz e gas son recorrentes en moitas casas que teñen que comer antes que cubrir estes gastos. Os efectos nocivos que esta pobreza enerxética ten para a saúde das persoas, e máis especialmente dos menores, fan vergoñenta a situación. Propoñemos que sexa a administración local quen, en última instancia, se faga cargo das facturas sen límite anual para as familias que acrediten a necesidade. Ademais, é obvio que o goberno local ten capacidade de presión suficiente sobre as empresas subministradoras, co que deberan buscar condicións e facilidades especiais para estas familias.

2.2. Acceso a unha vivenda digna

Aquí reside o maior problema para unha maioría das familias que acoden a Ponte Solidario. Cando os ingresos de unha familia son 0€ ou unha RISGA, destinar a maior parte a pagar un aluguer ou hipoteca fai literalmente imposible vivir. Tal e como está de deshumanizada a situación neste ámbito, a actuación dos concellos e outras administracións para defender ás familias é unha obriga social e moral.

Unha solución a nivel municipal pode pasar pola creación dun Banco de Vivendas. Coas casas e pisos baleiros que hai en Ponteareas, non sería difícil establecer acordos con propietarios para aloxar a familias en situación límite, actuando o Concello como principal aval para facilitar ás familias aluguer social accesible.  

 

3. Formación e emprego

A verdadeira solución a exclusión social hai que buscala na raíz, e aí atoparemos á formación e capacitación profesional das persoas en situación precaria. É un denominador común encontrar familias que foron usuarias dos Servizos Sociais durante gran parte da súa vida, e iso só pon de manifesto que sen posibilidades de integración, non arranxamos nada.  

Por iso, e a pesar das limitacións municipais neste aspecto, débese potenciar a creación de emprego, o cooperativismo e os proxectos sostibles e viables economicamente. Ademais, débese tomar en serio os programas para a mellora de competencias e formación de maiores sen traballo en oficios e sectores emerxentes.  

3.1. Sectores potenciais

O servizo á dependencia, a través da aplicación da Lei de Dependencia, é un sector con capacidade para xerar traballo no ámbito local, axudando o mesmo tempo a mellorar a calidade de vida das persoas. A agricultura e o sector forestal son outros sectores desaproveitados en Ponteareas, polo que se poderían impulsar cooperativas agrícolas e Sociedades Anónimas Laborais que aproveiten os recursos e leven a cabo actividades produtivas relacionadas coa madeira e a leña, resinas, biomasa forestal, cinética e piscícola, froitas, pastos, plantas aromáticas e medicinais, apicultura, fungos ou simplemente recreativas.   

 

4. Educación

A educación é un dereito fundamental e é, á vez, un piar básico para o desenrolo humano. Trátase da ferramenta máis poderosa para acadar a mobilidade e equidade social, pero só si a súa gratuidade e universalidade están garantidas, do contrario o ensino deixa de ser un ben público, impedindo un sistema xusto e meritocrático. O certo é que a realidade reflexa que escolarizar os teus nenos sen gastar un euro é imposible,e  non tódalas familias poden asumir os gastos relacionados. É aí onde a administración local ten capacidade de axuda, en cada caso particular que o necesite, e non debe escapar da súa obriga. 

4.1. Cheques escolares  

Axudas directas ás familias que cumpran cos criterios e teñan nenos ou adolescentes en educación obrigatoria ou profesional. Trátase de cubrir os gastos do material necesario derivados dos estudos que cursan. 

4.2. Clases de apoio

As clases de reforzo educativo están normalizadas como un servizo de pago, aparte do sistema público de ensino. Se queremos conseguir a integración real no ensino de tódolos menores, debe habilitarse un servizo de apoio educativo ao que poidan acceder libremente os nenos que o necesiten.

4.3. Actividades extra escolares

Ó igual que as clases de reforzo, as actividades extra escolares son fundamentais para o desenvolvemento dos nenos. Complementar a educación coa práctica de habilidades musicais, deportivas, idiomáticas ou culturais é básico para a integración de tódolos menores, pero actualmente son "bens de luxo" para moitas familias. Por iso, e dispoñendo o ente local de recursos e instalacións suficientes para levalo a cabo, deberían ofertarse actividades de diversa índole para aqueles nenos que non o poidan pagar polos seus propios medios. 

 

5. Saúde

Un ámbito no que a poboación espera atopar resposta pública ós seus problemas e achaques, pero que non sempre é así. O certo é que tódalas competencias que escapan do control directo do SERGAS ou a Xunta, son descoidadas a nivel local en Ponteareas. 

5.1. Saúde mental

Dentro da desatención mencionada en moitos servizos, é aquí onde se amosa a maior evidencia con soamente un profesional para todo o municipio, algo que vai en claro detrimento da atención prestada. A alarma social chega se se trata de casos de violencia de xénero ou abusos físicos, por exemplo, que poidan desencadear en consecuencias dramáticas. 

 



Hoy: Ponte Solidario cuenta con tu ayuda

Ponte Solidario Asociación necesita tu ayuda con esta petición «Corporación Municipal de Ponteareas: Coa realidade social amosando vergoñentas evidencias, adoptar medidas políticas encamiñadas a cumprir co seguinte Informe de Mínimos é unha obriga moral para os máximos representantes do Concello.». Únete a Ponte Solidario y 473 personas que ya han firmado.