Educación Social nas escolas, contra o acoso escolar

Educación Social nas escolas, contra o acoso escolar
Por qué es importante esta petición
O acoso escolar nas súas diferentes formas é unha problemática que segue presente nas nosas aulas, e que precisa dunha atención urxente polas autoridades educativas, para poder ser atallado eficazmente.
Sabemos que o acoso escolar pode ter graves consecuencias tanto para vítimas como para agresores, afectando ademais á toda a comunidade escolar, ao crear un ambiente de medo, inseguridade e desconfianza.
O Ceesg (Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia) leva moito tempo incidindo na necesidade de incorporar a Educación Social ás contornas escolares, como unha estratexia imprescindible para paliar radicalmente esta problemática. Esta figura profesional funcionaría como un axente que introduza a perspectiva socioeducativa na práctica pedagóxica da escola galega:
- Deseñando estratexias socioeducativas que fagan efectivas as medidas de prevención recollidas na lexislación vixente.
- Facilitando espazos de seguridade dentro da escola nos que o alumnado e as familias conten coa figura profesional da educación social como referente para a intervención en situacións que vulnerabilidade, que requiren dun clima de confianza e de coñecementos especializados.
- Activar estratexias socioeducativas específicas para a detención de casos e a activación inmediata de protocolos, avaliando os procesos de intervención e propiciando os procesos de revisión que sexan precisos.
- Traballando co alumnado na promoción de valores como a empatía, o respecto, a tolerancia e a resolución pacífica de conflitos.
A Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia (LOPIVI) deu un paso adiante ao instaurar obrigatoriamente en todos os centros a figura de coordinador/a de benestar e protección, medida que sen embargo adoece dunha falta de concreción en canto á súa implementación e requisitos, cuestión que lle toca desenvolver ás autoridades educativas.
A Educación Social encaixa coas funcións asignadas a esta nova figura, atendendo non só á convivencia escolar, senón tamén a calquera cuestión socioeducativa que afecte ao alumnado, e a potenciar a dimensión comunitaria das escolas.
A Xunta de Galicia ten agora a oportunidade de incorporar un enfoque socioeducativo nos centros escolares, de prestar unha atención educativa que sexa realmente integral, e de poñer en práctica estratexias eficaces que transformen os centros educativos en espazos libres de acoso escolar.
Por iso, solicitamos á Consellería de Educación da Xunta de Galicia:
- Que a planificación educativa da administración pública teña en conta a dimensión socioeducativa. A atención a este factor é imprescindible para a equidade educativa e para a loita contra o bullying.
- Que se incorporen educadoras e educadores sociais aos centros escolares. A educación social é a disciplina de referencia nos procesos de intervención socioeducativa.