ESIXIMOS MEDIDAS CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

0 personas han firmado. ¡Ayuda a conseguir 200!


A evidencia dun clima cambiante é cada vez máis clara. Obviamente existen poderes interesados en manter o status quo, e tratar de agachar a realidade e o problema ao que nos enfrontamos todos como sociedade e como especie.

Este cambio climático non é unha problemática de hoxe, xa que o quentamento xeneralizado do planeta é unha consecuencia dunha realidade coñecida dende hai anos pero cuxas medidas por parte dos gobernos para remedialo son insuficientes.

A orixe do problema débese fundamentalmente á queima de biomasa e combustibles fósiles sumado a deforestación. Está, polo tanto, a man das institucións detrás do aumento da concentración atmosférica de CO2 responsable do efecto invernadoiro, e son as que deben de actuar para remediar esta situación con consecuencias tráxicas para o desenvolvemento da vida no planeta. Cambios na produción dos alimentos, aumento nos índices de mortalidade debido a inundacións, secas e tormentas ou a extinción de especies son só algúns exemplos do que xa está a suceder.

A situación é grave e urxente, non podemos alcanzar o punto de non retorno e temos que actuar agora para cambiar o curso da historia. Precisamos que os gobernantes teñan en conta os novos escenarios do cambio climático e debemos comezar co compromiso e a implicación dos nosos concellos e Consellería de Medio Ambiente introducindo criterios de sostibilidade e medidas de loita contra o cambio climático.

Estas son algunhas das nosas propostas para a axenda política:

1. Crear Oficinas Contra o Cambio Climático como organismos de coordinación. Entre as súas funcións estarían: a cuantificación das emisións de CO2 dos plans municipais, crear un regulamento en contra do cambio climático que permita potenciar e beneficiar todas aquelas prácticas que opten por un camiño máis sostible, así como a vixilancia do cumprimento dos obxectivos da estratexia marcada.

2. Realizar plans de implantación de enerxías renovables en instalacións e servizos municipais para impulsar modelos baixos en emisións contaminantes:

  • Optimización do alumeado público ou melloras dos envolventes dos edificios; busca de novas alternativas coma cubertas verdes.
    Instalar enerxía solar fotovoltaica en instalacións municipais.
  • Substituír sistemas de climatización e auga quente por outros máis sostibles.
  • Promover os edificios de consumo case nulo aplicando criterios de construción bioclimática para mostrar o compromiso municipal.

3. Fomentar as 3R, reducir, reutilizar e reciclar, na xestión dos residuos.

  • Promover a creación de plantas de reciclaxe de residuos locais fronte a incineración, que ademais contribuirían a creación de emprego para a poboación da contorna.
  • Facilitar a separación e recollida selectiva de residuos no rural mediante a colocación dos diferentes contedores.
  • Estudar o horario dos puntos limpos para dar maiores facilidades aos cidadáns.

4. Actuar contra a perda dos montes, establecendo medidas de prevención de incendios:

  • Planificar programas de reforestación que teñan en conta de forma prioritaria o risco de incendios á hora de escoller as especies nativas axeitadas.
  • Apostar polo emprego forestal estable, profesionalizando as brigadas nas labores de prevención.

5. Mellorar a xestión da auga:

  • Esixir aos licitadores de contratas de limpeza o uso eficiente da auga e de produtos non tóxicos e non lesivos para o medio ambiente.
  • Ditar normativas que inclúan a xestión eficiente da auga no interior dos edificios municipais.
  • Automatización do rego dos espazos verdes.

6. Reducir a contaminación orixinada polo tráfico, vivificando o transporte colectivo e non motorizado.

  • Crear un programa municipal para o desenvolvemento de recarga de coches eléctricos en lugares de residencia ou traballo.
  • Priorizar desprazamentos non motorizados, promoción das redes ciclistas, bicicletas de aluguer, peatonización de rúas e limitación da condución no centro das vilas.

7. Desenvolver campañas de educación ambiental para os cidadáns:

  • Programar actividades de concienciación, sensibilización e información sobre pequenas accións que podemos levar a cabo para contribuír á diminución das emisións e da contaminación en xeral.
  • Implantación de educación ambiental nos centros educativos.

8. Favorecer o comercio xusto e respectuoso co medio ambiente e as persoas:

  • Fomentar o comercio local que reduza as emisións de gases no trasporte e asegurando unhas condicións dignas para os traballadores.
  • Facilitar e promover a realización de mercados de segunda man e artesáns.
  • Incentivar a compra de produtos fabricados con procesos respectuosos co medio ambiente, como papel e tóner reciclado.

9. Mellorar os espazos verdes dos concellos coa plantación de árbores e plantas autóctonas.

  • Plantación de árbores e plantas autóctonas.
  • Vixiar o estado das plantacións, mantemento e substitución de ser necesario.

10. Calcular e controlar as emisións de gases de efecto invernadoiro:

  • Establecer mecanismos de control e vixilancia da calidade do aire.
  • Facilitar a adopción de medidas preventivas e correctoras nos polígonos industriais que reduzan as emisións á atmosfera, así como fomentar o uso de enerxías renovables.
  • Realizar inspeccións periódicas que garantan o cumprimento da lexislación en materia non só de contaminación atmosférica senón tamén de xestión de residuos.
  • Fixar e executar sancións por infraccións en materia de medio ambiente.