Asociación Cívica Composcleta

1,073 supporters

    Started 1 petition

    Petitioning Xosé A. Sánchez Bugallo , Gonzalo Muíños Sánchez

    Paremos a ordenanza anti-bicis en Santiago de Compostela

    No pleno do Concello de Santiago de Compostela do 26 de novembro de 2020, presentouse unha proposición no punto 5 da orde do día para “actualizar a ordenanza xeral de circulación e uso da vía pública para favorecer o uso de bicicletas.” Todos os grupos votaron a favor desta proposta excepto o PSOE, que é o grupo local do goberno da cidade, quedando aprobada por maioría. O goberno local do Concello de Santiago de Compostela pretende aprobar unha ordenanza de circulación que limita e castiga o uso da bicicleta como medio de transporte na cidade, saltándose este mandato democrático no que precisamente se buscaba favorecer a mobilidade en bicicleta en Compostela. Desde a Asociación Cívica Composcleta rexeitamos o borrador da nova Ordenanza Xeral de Circulación e Uso da Vía Pública proposto polo goberno local de Santiago. Lonxe de promover o uso da bicicleta como medio de transporte, fai todo o contrario, pondo impedimentos ás persoas que empregan a bicicleta, e amosando unha vontade sancionadora sen sentido.  Nun contexto no que a maioría das cidades europeas apostan pola bicicleta como aliada fundamental no avance cara a mobilidade sostible, a ordenanza proposta polo Concello de Santiago deixaría a nosa cidade á cola de Galicia e de España en mobilidade sostible, como amosa un estudo realizado por Greenpeace en 2019.  Algunhas das normas que o goberno de Compostela pretende aprobar son: Prohibición de circular en toda a zona vella: porén, non todas as rúas da zona vella son iguais, e hai moitas polas que poderían circular bicis a velocidade reducida e respectando sempre a prioridade dos peóns, como xa ocorre con taxis e coches de residentes. Limitación ao estacionamento de bicicletas aos “lugares habilitados”: porén, a maior parte das rúas de Compostela carecen de aparcadoiros de bicicletas, polo tanto non poderíamos empregar a bici para ir traballar ou facer a compra sen arriscarnos a unha sanción. Obrigatoriedade de uso de roupas reflectantes para movernos en bici a calquera hora do día: é abondo a obrigatoriedade de facer uso de elementos reflectantes. Límite de velocidade de 15 km/h nos carrís-bici. Que sentido ten limitar a velocidade das bicicletas no seu propio carril cando os coches, que son máis perigosos para os peóns, poden ir ata 30 km/h polo centro da cidade? Prohibición de circular por beirarrúas en calquera caso, mentres que os patinetes eléctricos si poderían facelo en determinadas circunstancias. Débese redactar algunha excepción, como por exemplo a circulación con menores, ou beirarrúas de ancho determinado cando a alternativa da calzada sexa perigosa para a bicicleta.  Estas normas non responden aos problemas de mobilidade de Compostela en absoluto. A nosa cidade, por desgraza, non está chea de ciclistas que dificulten a mobilidade peonil ou o tráfico rodado. Está chea de coches que ocupan a maior parte do espazo público e dificultan o funcionamento do transporte público e servizos de emerxencias, ademais de obstaculizar os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida ou o uso de carros para crianzas. Por último, o punto 7 do borrador da nova ordenanza lista unha serie de usos gamberros e acróbatas da bicicleta.  Evidentemente son usos perigosos e incorrectos da bicicleta como medio de transporte. Pero chama a atención que non se enumeran condutas temerarias, perigosas e igualmente acrobáticas nas que poden incorrer os usuarios dun vehículo a motor.  Un epígrafe que inclúa a prohibición de condución temeraria (por exemplo), en zig-zag de TODOS os vehículos é a alternativa máis xusta. RECLAMAMOS que o goberno local de Santiago de Compostela recapacite e paralice a aprobación desta ordenanza limitadora e retrógrada.  EXIXIMOS que se elabore unha nova ordenanza que promova o uso da bicicleta como medio de transporte en Compostela e que transforme as rúas nun espazo inclusivo, sostible e accesible para todas as persoas.

    Asociación Cívica Composcleta
    1,073 supporters